Mimetismo batesiano

Placa fotográfica tomada por Bates 1861, ilustrando o mimetismo batesiano entre especies de Dismorphia (ringleira superior e terceira) e varios Ithomiini (Nymphalidae) (ringleiras segunda e inferior). No centro, unha especie non batesiana, Pseudopieris nehemia.

O mimetismo batesiano é un tipo de mimetismo no que unha especie inofensiva evolucionou para imitar os sinais de advertencia dunha especie perigosa dirixidos a un predador de ambas. Denomínase así polo naturalista inglés Henry Walter Bates, polo seu traballo sobre as bolboretas das selvas do Brasil.

O mimetismo batesiano é o máis coñecido e estudado dos complexos de mimetismo, ata o punto que ás veces os termos mimetismo e mimetismo batesiano trátanse como se fosen sinónimos. Porén, hai moitas outras formas, algunhas moi similares nos seus principios, outras moi diferentes. A miúdo contrástase co mimetismo mülleriano, unha forma de converxencia con beneficio mutuo entre dúas ou máis especies nocivas. Porén, como o mimetismo pode supoñer en si mesmo un grao de protección, a distinción non é absoluta. Pode tamén compararse con formas funcionalmente diferentes de mimetismo. Quizais a diferenza maior é co mimetismo agresivo, no que un predador ou parasito imita unha especie inofensiva, evitando a detección e mellorando o seu éxito na busca de alimento.

A especie imitadora denomínase mimética ou imitadora, mentres que a especie imitada (protexida pola súa toxicidade, mal sabor ou outras defensas) denomínase modelo. A especie predadora que ten interaccións indirectas entre o imitador e o modelo pode denominarse receptora [do sinal], inxenua ou operadora. Ao parasitar o sinal de advertencia honesto do modelo, o imitador no mimetismo batesiano obtén vantaxe, sen ter que cargar co gasto de armarse ela mesma. Para o modelo é unha desvantaxe e tamén para o predador "inxenuo". Se aparecen os impostores en grandes cantidades, as experiencias positivas co imitador poden ter como resultado que o modelo sexa tratado como inofensivo. Cunha alta frecuencia hai unha forte vantaxe selectiva para o predador de distinguir o imitador do modelo. Por eta razón, os imitadores son normalmente menos numerosos que os modelos, o que é un exemplo de selección dependente da frecuencia. Algunhas poboacións imitadoras evolucionaron para presentar múltiples formas de (polimorfismo), permitíndolles imitar varios modelos diferentes e, por tanto, obter maior protección. O mimetismo batesiano non sempre é perfecto. Propuxéronse varias explicacións para isto, incluíndo as limitacións nas capacidades cognitivas dos predadores.

Aínda que os sinais visuais foron moi estudados, o mimetismo batesiano pode empregarse para enganos que afecten a calquera sentido; por exemplo, algunhas avelaíñas imitan os sinais de advertencia de ultrasóns enviados por avelaíñas incomestibles a morcegos predadores, o que é un mimetismo batesiano auditivo.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne